Tuesday 07 de May de 2024

Xurxo Couto defende o “orgullo, mocidade, economía e servizos” como os eixos fundamentais do BNG de Arteixo


O candidato nacionalista incidiu durante a presentación da lista do BNG de Arteixo que a formación política foi, “neste último mandato, o BNG das propostas. A partir do 28 de maio, o BNG será o da acción e das realidades”

O acto, celebrado no Balneario, contou con todos os cabezas de lista da comarca coruñesa, así como co alcalde de Carballo, Evencio Ferrero

O Balneario de Arteixo ateigouse de xente para coñecer ás persoas que concorren polo BNG ás próximas eleccións. Unha candidatura “chea de ilusión, de ganas, de forza e que sa sae a por todas para cambiar as dinámicas do noso concello”, afirmou Xurxo Couto, cabeza de lista do BNG en Arteixo. Na súa intervención explicou os catro eixos da formación nacionalista para Arteixo: “orgullo, mocidade, economía e servizos”.

Couto incidiu na necesidade de que Arteixo teña un goberno local que “defenda á veciñanza dos tempos que están por chegar” e mencionou, entre outros asuntos, os parques eólicos. Asemade, o alcaldable nacionalista recordou que no municipio rexen unhas normas subsidiarias “do 95, cando Arteixo tiña 18.000 habitantes. Hoxe rondamos os 33.500, case o dobre. Non fai falla moito, para darse conta de que non se xestiona nin se administra igual un territorio co dobre de poboación”.

“Hai moito por facer nun concello en continuo avance e que presenta uns exercicios orzamentarios de case 70 millóns de euros e que non é capaz de darlle á veciñanza máis que o 40% do que promete”. Nesta liña, Couto concluíu a súa intervención destacando que “o BNG, neste último mandato, foi o BNG das propostas. A partir do 28 de maio, o BNG será o da acción e das realidades”.

Ademais de Couto, interviñeron no acto Loly Rega, número 3 da lista do BNG de Arteixo, e Evencio Ferrero, alcalde de Carballo. Tamén estiveron presentes os candidatos da formación nacionalista na comarca coruñesa.

LISTA DO BNG DE ARTEIXO

1. Xosé Xurxo Couto Rodríguez
2. Raúl José Fernández Iglesias
3. María Dolores Rega Nión
4. Juan Carlos López Oliveira
5. Sonia Gómez Castro
6. Xoán Carlos Martínez Montes
7. Lara Vieites Corredoira
8. Juan José Anido Lista
9. Verónica Rozamontes Suárez
10. Jesús Alberto Abeleira García
11. Tamara López Cotelo
12. Javier Gabín Calvo
13. María Dolores Castro Veira
14. Ramón Vieites Vieites
15. Marisa Gabriela López Schmidt
16. Sergio Mañana Rodríguez
17. Rosa María Gómez Amigo
18. Carlos López Cotelo
19. Paula María Gutiérrez Álvarez
20. Xan Antón Sánchez Vázquez
21. María Mato Seijas

Suplentes
1. Jesús Hermelo Sotelo
2. María Belén Naya Montes